Hablemos, escritoras.

Unha galega filla en Buenos Aires

María Rosa Lojo · Real Academia Galega · 2022 · 64 pp

Ensayo

A Coruña, mércores 28 de setembro de 2022.- Cando en 1999 María Rosa Lojo (Buenos Aires, 1954) escribiu por primeira vez un texto testemuño de homenaxe ao exilio republicano español, definiuse como exiliada filla. “Sucede que, con distintos matices, existía un proxecto fundamental para os meus pais e para nós: volver. Pero como se regresa a onde xamais se estivo?”. A escritora e crítica literaria, unha das principais figuras das letras arxentinas contemporáneas, deu resposta a esta pregunta no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega como membro de honra partillando co público unha parte fundamental da súa historia persoal, que é asemade colectiva: a da procura da memoria familiar e das súas raíces galegas, un legado que impregna boa parte da súa obra literaria. A intervención foi tamén unha reivindicación da contribución galega á identidade arxentina e un percorrido polo Buenos Aires de Castelao, Luís Seoane, Maruja Mallo ou Amparo Alvajar. Hoxe, salienta, os vínculos seguen a tecerse entre ambas as beiras do Atlántico. “As redes afectivas e intelectuais da migración nunca se cortaron”, expresa.

Coma nos seus libros, Lojo asume o seu ingreso na RAG co propósito de desenvolver “unha función especialmente fermosa, porque se desempeña ao entrelazar mundos e reunir horizontes”. “Implica ser extraterritorial ou pluriterritorial e estar de xeitos distintos en varios puntos ao mesmo tempo”, reflexiona a autora, filla de nai castelá e pai de Boiro. Dela herdou o amor polos libros, pero no lugar no que se fixou foi no do pai. “Por iso me defino tamén, especialmente, como galega filla”, confesa a académica, que titulou precisamente o seu discurso Unha galega filla en Buenos Aires. “Os relatos do meu pai da aldea, da casa, do río, eran o meu taiel ou tayül, o meu canto da liñaxe. Este canto que, segundo a nación mapuche, vincula cada ser e cada familia coa súa identidade ancestral dentro do cosmos, coa cadea de xeracións pasadas e vindeiras, e revela a asociación entre os humanos e os elementos naturais cos que se emparentan”, compara a autora, en cuxa obra a pegada do herdo paterno dialoga con elementos da cultura dos pobos indíxenas da Arxentina.

O presidente da RAG foi o encargado de darlle resposta á nova académica en nome da institución. Alén da dimensión literaria de María Rosa Lojo, con ficcións na procura das raíces como Árbol de familia (2010) e Todos éramos hijos (2014); Víctor F. Freixanes salientou nas palabras de benvida a súa dimensión científica, como investigadora e crítica literaria, con traballos sobre a pegada galega en América como Los gallegos en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa; e a súa faceta como divulgadora e activista a prol da cultura galega e da memoria de Galicia.